Tecido Resistente  é a historia dos centos de mulleres que cambiaron por completo a economía e a organización social de toda unha comarca no inicio do século XX en Galicia. Tiñan 14 anos cando comezaron a traballar en Hilados y Tejidos de Vilasantar. Cobraban 37 pesetas á semana. Con eses cartos mantiñan a economía familiar. Pronto descubriron que o salario fixo que recibían era algo máis que só uns cantos billetes: eran a súa independencia, o empoderamento feminino antes incluso que ese concepto chegara a Galicia. A súa incorporación ao traballo remunerado e industrial cambiou a forma como se organizaba a sociedade na que vivían. Agora, máis de 50 anos despois do peche da fábrica, escoitamos esta historia a través da voz das súas protagonistas.