HILADOS Y TEJIDOS DE VILASANTAR

A fábrica Hilados y Tejidos de Vilasantar existiu en Présaras durante 80 anos e contribuíu ao desenvolvemento económico e social da comarca. Nela traballaban maioritariamente mulleres que fabricaban pezas de lenzo de algodón. Estaban “a destajo”, é dicir, o seu soldo dependía da cantidade de traballo feito cada semana e cobraban todos os sábados.

Funcionou dende 1982 ata decembro do 62. Pechou debido a un incendio que destruíu as instalacións e que fixo que se perderan centos de postos de traballo e que a actividade económica da vila esmorecera ata case desaparecer hoxe en día.

"Na fábrica traballaban maioritariamete mulleres que fabricaban pezas de tecido de algodón "

HISTÓRIA

Hilados y Tejidos de Vilasantar creouse en 1882 pola sociedade formada por José Núñez de la Barca e Luis Miranda.

 

No inicio do século XX, en 1905, a fábrica e chegou a ocupar  a case 300 traballadoras e máis de 30 obreiros (homes).

 

A industria téxtil en Galicia viviu tempos de esplendor no primeiro terzo do século XX (con picos de traballo en función da situación económica local e nacional).

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O período entre 1931 e 1936 representou anos de bonanza para a Hilados y Tejidos de Vilasantar. En 1936 a fábrica declarou que, con 350 traballadores en nómina, dedicaba a maioría da súa produción á fabricación de tecidos e sabas para o exército.

Pero tras a Guerra Civil a industria téxtil comezou a sufrir a carestía da materia prima, así como unha quebra da demanda debido a perda xeneralizada de poder adquisitivo e as dificultades para financiar a compra de algodón e o cobro das vendas.

A entrada de Inglaterra, Francia e Bélxica no mercado de teas, así como o algodón catalán, a prezos máis competitivos, danou o téxtil galego e a industria entrou en decadencia. 


Tomás Rodríguez Sabio foi nomeado xerente da fábrica Hilados y Tejidos de Vilasantar no ano 36. Este, pouco a pouco, foi asumindo mais responsabilidades dentro da empresa e en 1962 os seus fillos compraron a empresa á familia Miranda. No final desde mesmo ano a fábrica pechou debido a un incendio que destruíu gran parte das súas instalacións.

LOCALIZACIÓN

A fábrica sitúase en Présaras na marxe do río Tambre e a uns 200 metros ao sur da carreteira de O Foro que vai até A Casilla.

 

Elixiuse Présaras como localización para a fábrica debido á súa proximidade ao río. A fábrica captaba a enerxía hidráulica a través de turbinas instaladas nos distintos niveis do Tambre.

 

O conxunto fabril aproveitaba a enerxía do río Tambre cunha turbina hidráulica de 80 cabalos. Contaba, ademais, con dous batáns, oito cardas, seis máquinas de fiar e uns sesenta teares que consumían cerca de 450 quilos de algodón para producir unhas sesenta pezas de liño de varias dimensións.

O PROCESO DE FABRICACIÓN

O algodón chegaba á fábrica en balas. As pacas de algodón trinzábanse, limpábanse e, posteriormente introducíanse no batán.

O seguinte proceso era o cardado, é dicir, a transformación do algodón en madeixas para o seu posterior fiado. Esas madeixas torcíanse, tensábanse e, finalmente, enrolábanse en bobinas.

Nese momento dividíase o algodón: unha parte ía para o Branqueo, onde se transformaba o algodón en madeixas de fío branco; e o resto quedaba sen branquear e con el tecíase o lenzo moreno (tamén chamado lenzo cru).  

Na sección de braqueo cocíase o fío nun preparado de sosa cáustica e cloro. A continuación facíase un mazado e aclarado das madeixas e secábanse na parte alta dos teares.

Estas madeixas colocábanse en carretes do ancho da peza chamados pregadores. Os pregadores ían primeiro á engomadeira, que era onde lle poñían o apresto, unha especie de pegamento. A continuación, os carretes de fío pasaban polo repaso, onde se certificaba que os fíos estivesen enteiros. Estes organizábanse en canillas que eran as que ían para os teares.

As tecelás recibían as canillas e tecían o fío. Cunha peza de dobre ancho podía facerse unhas 12 sabas.

O TRABALLO

 

Traballábase en 2 quendas: unha de 6h a 14h e a outra de 14h a 22h. Había una pausa para o almorzo ou merenda. As traballadoras levaban a comida en pucheiros que logo quentaban nunha cociña de ferro.

O día de pago era sempre o sábado e este era tamén o día de maior actividade comercial arredor da fábrica. Alí, ademais dos negocios que xa existían, achegábanse o sábado todo tipo de vendedores ambulantes como froiteiros, quincalleiros, etc.

 

"Traballaban mulleres de toda a comarca. Viñan de Boimorto, Carelle e incluso Vilariño o Barbeito"

 

 

En Hilados y Tejidos de Vilasantar traballaban mulleres de toda a comarca: viñan de Boimorto, Carelle e incluso Vilariño e Barbeito. Chegaban a camiñar ata 2 ou 3 horas para chegar ao traballo. Os desprazamentos facíanse a pé por camiños abertos a propósito para acurtar as distancias a través do monte ou por corredoiras. Moitas mulleres, para chegar á fábrica, tiñan que atravesar o río por pontes de madeira

O soldo dunha traballadora da fábrica variaba entre 30 e 60 pesetas semanais. As traballadores que estaban nos teares (é dicir, a maioría) facíano “a destajo”: cobraban polas pezas feitas. Era unha estratexia da empresa para incentivar a produción.

 

PRÉSARAS

As veciñas de Présaras eran as máis privilexiadas pola súa proximidade á fábrica e pola riqueza que esta achegaba á vila.

As mozas, traballadoras da fábrica, marcaban tendencia en canto á moda e eran as máis pretendidas á hora de casar.

A vila vivía case exclusivamente da fábrica e do comercio que esta xeraba. De feito en Présaras practicamente non se traballaba a terra.

A proba deste auxe que gozaba Présaras era o gran número de comercios e servizos que había ao longo da rúa principal: 11 ultramarinos, salóns de peiteados, zapateiros, 2 médicos, o cuartel da Guardia Civil, etc

O INCENDIO

Na noite do 8 de decembro do ano 1962 ( a noticia saíu publicada na prensa o día 11), a fábrica  ardeu. Destruíronse 46 teares e as perdas valoráronse en catro millóns de pesetas.

Hai moitas teorías sobre por que ardeu Hilados y Tejidos de Vilasantar (foi un curtocircuíto? Prendeulle lume un traballador? Incendiárona os propios donos para cobrar o seguro?) pero ninguén sabe de certo que pasou ese día. 

Despois deste desastre, a fábrica pechou definitivamente.