MILAGROS QUINTELA

A nai de Milagros era a única muller con rango de encargada en Hilados e Tejidos de Vilasantar e súa filla herdou ese posto. Creceu practicamente dentro da fábrica: xogaba coa porteira e coas fillas de Eduardo Miranda, o dono da fábrica.

Milagros foi durante moitos anos a encargada do braqueo. Chorou moito o día que a fábrica ardeu pero despois diso nunca deixou de traballar. Tivo 6 fillos, un salón de peiteado e ganchillaba polas noites: “Cando unha se acostuma a gañar desde pequena, despois quere seguir traballando para ter a súa independencia”, conta.

CARMEN ÍÑIGUEZ

Case toda a súa familia traballou na fábrica e ela non foi a excepción. Estivo nos teares durante 14 anos.
Cando a botaron da fábrica, en abril de 1962, marchou para a Coruña a servir.
“Eu non sabía outro oficio”, xustifica. Traballou alí 13 anos pero sempre volvía a Présaras para as festas. Nunca casou nin tivo fillos e cando o seu irmán enfermou deixou a cidade e volveu á vila para coidalo. Dende entón, “Carmen de Evaristo” vive en Présaras e todos a coñecen polas súas famosas (e riquísimas!) rosquillas.

MARÍA CORRAL

“María de Tamou” vive no campo, rodeada de vacas, galiñas, porcos, cans e cabalos. Durante 16 anos camiñou case unha hora todos os días para ir traballar na fábrica. As súas compañeiras recórdana como “moi espabilada” e “unha das máis rápidas tecendo”. Cando a fábrica ardeu o seu marido emigrou a Alemaña e ela dedicouse á labranza. Muxiu vacas e vendeu queixos ata xubilarse aos 60 anos. Ela só estudou 14 meses pero conta con orgullo que “grazas aos cartos da fábrica” puido mandar todos os seus fillos ao colexio.

JULIA TOJO

O seu pai, a súa nai e case todos os seus irmáns traballaron na fábrica. Cando esta ardeu xa tiña 3 fillos, despois tivo 2 máis. “Cando a fábrica ardeu a miña vida mudou completamente”, conta. Julia pasou de cobrar ela cartos a depender do diñeiro que o seu marido mandaba cada mes desde Alemaña. Co que conseguiron aforrar, compraron unha casa na Coruña. Aínda que Julia viviu durante moitas décadas na cidade herculina, en Présaras aínda a coñecen como “Julia da Casilla”.

LOLA IGLESIAS

Comezou a traballar na fábrica con 13 anos, como aprendiz. Cando a fábrica ardeu, abriu unha mercería en Présaras. Casou e tivo 3 fillos.  O seu irmán emigrou a Santo Domingo e os seus fillos viven na Coruña pero ela segue en Présaras: “A mi que no me quiten de aquí. Me gusta mucho mi casita”, asegura.

Durante a semana vai a clases de ximnasia, ganchilla, pasea, ve a tele e coida do seu xardín. Durante a fin de semana recibe os fillos e os netos en Présaras.