TECIDO RESISTENTE

A SILENCIOSA REVOLUCIÓN DAS MULLERES DE PRÉSARAS

Tecido Resistente é un proxecto audiovisual que nace dun compromiso: non deixar que a “revolución” de Présaras (Vilasantar) caia no esquecemento dos galegos. Durante 80 anos (ata 1962) foran as mulleres, e non os homes, as que sustentaron a economía dos fogares da comarca. O motivo? A fábrica de tecidos de Présaras. Elas tecían de luns a sábado e chegaban a camiñar 2 ou 3 horas para chegar ao traballo. Pero o resultado compensaba. O soldo que cobraban cada sábado representaba a súa independencia: na maior parte dos casos elas eran as que organizaban as finanzas familiares e non tiñan “que pedir autorización” para gastar os cartos que gañaban.  

Co seu soldo compraban comida, cousas para a casa, roupa para a familia e tamén dábanse algúns caprichos: marcaban tendencias e eran as máis presumidas de toda a comarca. Foi a “silenciosa revolución” das mulleres de Vilasantar.

TRABALLAR NA FÁBRICA

En Hilados y Tejidos de Vilasantar as traballadoras dividíanse en 3 seccións: o branqueo, o salón e os teares. A maioría estaba “a destajo”, ou sexa, cobraban segundo a cantidade de lenzo que tecían. Había dúas quendas (mañá e tarde) cunha pausa para comer.

A VIDA EN PRÉSARAS

Grazas á fábrica, Présaras era unha vila moi importante, chea de comercios e todo tipo de servizos. As veciñas contan como era unha vila moi avanzada para aqueles tempos: as mulleres tiñan mais dereitos e un status diferente. Ían, por exemplo, soas coas amigas ás cafeterías e podían elixir mozo, de feito, chegaban a ter 2 ou 3 mozos á vez ata atopar o que máis lles gustaba para casar.

O INCENDIO

En 1962 a fábrica xa estaba en decadencia. Unha familia catalá fíxose co control de Hilados y Tejidos de Vilasantar e en abril comezaron os despidos. Cambiaron os teares por semiautomáticos pero os cambios non foran suficientes e a empresa seguía dando perdas. En decembro de 1962 a fábrica ardeu. Nunca se soubo oficialmente o motivo do incendio pero na vila todos coinciden en que se tratou dun lume posto para cobrar o seguro.

Despois de 1962 a vila perdeu o seu motor económico, as familias emigraron (principalmente a Alemaña e Suíza) ou mudáronse a outras cidades (moitos marcharon para A Coruña e para o País Vasco) e, pouco a pouco, Présaras foi perdendo os seus veciños e o seu poder económico.